Miguel Pavón
Miguel Pavón é Enxeñeiro agrícola e propietario de Instinto Romano, adega situada no municipio de Taboada. O seu viño obtivo a medalla de ouro na categoría de tintos do 2021 na cata oficial organizada polo Consello Regulador de Ribeira Sacra, unha homenaxe ao seu avó Reinoso que o mergullou no amor e respecto polas viñas.
O viñedo de Instinto Romano está ao pé do Miño, na aldea taboadesa de Sobrecedo. É un lugar paradisíaco nas inmediacións do mergullado Castro Candaz. Trátase dunha zona na que o encoro se alonga ao máximo. A parcela de Miguel Pavón salvouse por pouco da subida do nivel da auga cando construíron o encoro de Belesar.
As cepas máis vellas da parcela suman máis de 80 anos e o terreo que traballaba o seu avó era pouco máis de media hectárea, pero Miguel foi ampliando ata sumar máis de catro hectáreas nunha peza única. En 2015 deu o salto á comercialización co selo da denominación de orixe.