speaker-photo

Cali Danza Consciente

Grupo Danza

Cali é un selo de danza e movemento consciente codificado nunha metodoloxía de ensinanza e nunha marca creativa de producións escénicas conectadas coa interioridade. 

En Cali créase unha beleza rota e imperfecta en sintonía coa realidade da vida, desde dentro cara a fora, desde a profundidade cara a superficie, de xeito cru e honesto. Colócase o acento no proceso, no interior e en cada instante. É unha forma de vivenciar a danza en conexión cun mesmo. Nun momento histórico tan visual, inmediato e ás veces frío, Cali pretende pór na escena o ritmo profundo, forte e poderoso da vida xunto coa transparencia corpórea e emocional de cada intérprete e creación. 

Cali ten unha finalidade social e comunitaria achegando o método e xerando dinámicas de traballo en favor da colectividade e da integración e benestar de todos os membros en cada unha das propostas.

O espectáculo FEMINITUDE: Trátase dunha viaxe polo método sobre o que se cimentan as creacións, un fondo percorrido polo universo feminino, amosando a interioridade das mulleres do S.XXI e os ecos das que as antedeceron. Cali constrúe unha escena crúa e honesta, surfeando as ondas emocionais a través da poesía e da danza.

Cali son: Alba Felpete, Directora e creadora do método Cali. As bailarinas Eva Quiroga, Irma López de Gamarra, María Pichín, Marina Rojas, Tamara Río e Ariadna Vázquez. Emilio Mesías, axudante de produción.