OS GARDIÁNS DA RIBEIRA PRESENTE
A primeira actividade programada en RaizameS foi a denominada OS GARDIÁNS DA RIBEIRA PRESENTE, un cinema-fórum cun formato combinado entre faladoiro e proxección de pezas documentais sobre a Ribeira Sacra, onde se colocou o foco nas iniciativas que a través do seu desempeño avogan por un desenvolvemento da zona e que colocan o acento sobre as persoas, sobre a cultura propia, sobre a protección do patrimonio menos visible.
Proxectáronse as creacións audiovisuais A verba viva e Adegas da Memoria, presentados en primeira persoa, polos seus propios creadores: Lorena Gallardo (acompañada por Mercedes Vázquez e Humberto Novoa) e Xosé Gago.
Dúas creacións audiovisuais que narran a preservación do patrimonio vitivinícola da Ribeira Sacra, sen a necesidade de inventar un discurso promocional máis alá de transmitir a rica realidade existente; que documentan nomes, caras e historias de vida, faceres, percorrido histórico, e tamén a historia actual e a cultura do viño a día de hoxe.
As veciñas e veciños da Ribeira, en pantalla grande, como transmisores directos de toda esta riqueza, e como protagonistas indiscutibles desta MEMORIA VIVA.
Os documentais proxectáronse de forma ininterrumpida durante os tres días de duración de RaizameS, no auditorio do Cuartel Vello.