EXPOSICION FOTOGRAFICA PERMANENTE «AS UVAS DA VIDA»

 EXPOSICION FOTOGRAFICA PERMANENTE «AS UVAS DA VIDA»

As uvas da vida. A mirada fotográfica de Miguel Muñiz sobre a Ribeira.

Documentar e visibilizar en lugar protagonista a memoria presente da Ribeira, e ás persoas que terman do territorio é eixo principal de RaizameS. É por isto que non podía faltar a mirada fotográfica, a imaxe rexistrada.

A Casa da Cultura de Taboada, configurouse durante tres días, como museo e sala de exhibición, acollendo “As uvas da vida”, exposición fotográfica do recoñecido fotógrafo e amante da Ribeira Sacra, Miguel Muñiz, que rexistra o traballo dos viticultores, documenta os labores relacionados co viño nas pequenas e familiares adegas, o esforzo de mulleres e homes anónimos da Ribeira Sacra, a relación das persoas co seu territorio e o coidado das súas ribeiras.

Miguel acompañou o acto inaugural da exposición e compartíu coas persoas asistentes, o discurso e fío condutor que guía a mostra: as historias agochadas detrás de cada fotografía, as anécdotas, o recordo dos que xa non están, a memoria e o presente.

Entre as asistentes e acompañando a montaxe de Miguel, outra mirada fotográfica de referencia en Galicia, a de Xaime Cortizo.