ROTEIRO: CANTA ARTE SE AGOCHA NUNHA CUNCA DE VIÑO
Na mañá do sábado, RaizameS transitou un percorrido cultural, artístico e emocional, por emprazamentos significativos relacionados coa cultura do viño: as ribeiras e viñas de Taboada, os miradoiros, o impoñente río Miño, o pazo de San Pedro de Taboada, os camiños silentes entre bosques autóctonos…
Baixo a idea e fío condutor de contribuír á descoberta de todo o que contén unha cunca de viño da Ribeira Sacra, Francisco do Romualdo guiou un itinerario que supuxo realizar unha viaxe a través da cultura do viño no tempo, percorrendo o imaxinario vitivinícola da Ribeira e achegándonos a unha maneira de facer as cousas, que é cada vez máis excepcional.
Cada enclave foi presentado, interpretado e transmitido a mans tecidas entre axentes locais, informadores de primeira liña, artistas e mans viticultoras.
Toda a gratitude a Ángel, de autocares Díaz, pola suavidade e o coidado na conducción, permitíndonos desfrutar do percorrido e as paisaxes.
A primeira parada do roteiro, supuxo un mergullo entre os socalcos e as viñas de Adega Cavido, capitaneada por Samuel e Ana, que nos abriron as portas do seu pequeno (e inmenso a partes iguais), museo da viticultura da Ribeira.
A visita, nun emprazamento cunha paisaxe espectacular en si mesma, supuxo un deleite para os sentidos: as explicacións pormenorizadas de Samuel sobre cada apeiro e contido do museo, o sabor do viño degustado en cunca, a empanada de liscos e as galletas xianas; a maxia e delicadeza da música de Mallou, a forza e estremecemento do canto de arrieiro da Lamosa, na voz de Sabela, a rítmica cadencia dos zocos batendo sobre o chan de pizarra no baile improvisado e o acompañamento perpétuo dunha aguia rea, sobrevoando a escena.
Fundamental o acompañamento sempre xeneroso da Asociación Veciñal-Cultural Vilar Friamonde Mourulle, personalizada en Miriam.
Deixamos as viñas, a adega e as melodías de Mallou, para encontranos coa afouteza e a riqueza de matices de Alba María, poeta, regueifadora, cantora e aloumiñadora de almas sensibles.
Buscamos unha nova perspectiva sobre o río Miño e o encoro de Belesar, con vistas á Ponte Mourulle, máis coñecida popularmente como a “ponte dos parafusos” para poder apreciar a pegada impactante dos encoros hidroeléctricos que a mediados do século XX asolagaron numerosas poboacións, casas, batuxos, pesqueiras, muíños, así como as terras máis fértiles de cultivo, que quedaron baixo as augas.
Entramos de cheo ás comunicacións que sempre houbo dunha e outra beira do río, aos cantos de traballo e porfias, aos aturuxos que sempe acompañaron os traballos da vendima, á riqueza do patrimonio lingüístico da cultura do viño e convertémonos por un intre en papeiros e rabudos, lanzando berros cara a outra beira do río, coma se celebraramos así a recolleita das uvas, despois do traballo de todo o ano, con alegría e orgullo.
Acompañados con dozura polo ukelele de Alba María e as súas indicacións, compuxemos e cantamos cos latexos acompasados, alalás e retrousos.
Do canto e a voz, ao corpo e o movemento. Camiñamos ate o pantalán do Clube Nátutico para atoparnos con dúas xacias emerxidas do Miño: María Pichín e Ari Vázquez, bailarinas de Cali Danza.
Dúas xacias que viñan a agasallarnos a presenza, en feminino plural.
A homenaxe bailada, ao transitar invisible das mulleres da Ribeira que coas súas mans metidas ben fondo na terra, termaron de viñas e familias; de adegas e fogares, do territorio externo e mais do espazo íntimo. O recoñecemento a quen silente, cava, poda, ata, vendima, coida e mantén.
A alegría do traballo ben feito, celebrada coa danza e o mergullo nas augas cálidas do Miño.
Acompañou o sachar a terra de Ari e María, o runxido da zanfona de Francisco do Romualdo.
A última parada da nosa viaxe viñoartística, antes de regresar á Praza de Riazón, foi no Pazo de San Pedro de Bembibre.
Alí agardávannos Ramón Vázquez, en representacion da Fundación Condado de Taboada, quen nos presentou un espazo tan significativo para Taboada e presentou o traballo que a Fundación está a desenvolver no entorno; e Héctor Ferreiro Abelairas, viticultor e adegueiro, de Castelo.
Héctor presentounos ese aspecto máis íntimo e persoal do produto protagonista: o viño; falándonos en primeira persoa do aspecto antropolóxico, da tradición de cada familia de profesionais viticultores, e da súa propia. De como nos viños, non só inflúen a mineralidade dos solos arxilosos e pizarras, o clima frío e a altitude do terreo, senón tamén o esforzo dun proceso de traballo absolutamente manual, a paixón e militancia dunha comunidade rural que percibe, constrúe, ordena e xerarquiza o territorio, facendo que adquira un valor simbólico, inherente á propia forma de habitar e vivir.
Así, exerceu tamén de contaviños, e na pracidez e confortabilidade do salón grande do Pazo de San Pedro, degustamos dous viños cos que transmitíu o carácter único do viño da Ribeira Sacra: ese saber facer, intrínseco na elaboración do viño, esa metamorfose dos obstáculos en virtude.
A zanfona e a gorxa de Francisco de Romualdo, acompañadas polas de todas as asitentes, deron a despedida ao roteiro entoando a Anaina para espertar a unha xacia