PRESENTACIÓN LIBRO: A NACIÓN DOS MIL VIÑOS
Presentación do libro, A Nación dos Mil Viños.
RaizameS é tamén palabra escrita. Parecía arriscado convocar unha presentación dun libro, na mañá dun domingo; mais a veciñanza de Taboada e os amantes do viño asistentes a RaizameS, acudiron puntuais e animosos, ao chamamento que levaba por título: A Nación dos Mil Viños.
Arroupados por un nutrido grupo de interesados asistentes, na Casa da Cultura, Martiño Santos, e Xosé Gontá, autores do libro, presentados por Roberto Regal, enólogo, viticultor e coordinador de contidos vitícolas de RaizameS, adentráronnos nunha iniciación combinada á cultura do viño en xeral, á súa proba sensorial e ao panorama concreto dos viños galegos.
Fixéronnos viaxar, a través de A Nación dos Mil Viños ao longo e ancho de toda a xeografía vitivinícola galega actual, acompañando dos elementos históricos e culturais que contextualizan o significado e importancia do viño; tamén ao protagonismo das persoas produtoras e as marcas comerciais como resultado final do traballo.
A poeta labrega de Taboada, Ana Vila Portomeñe, volveu acompañar o acto, dando lectura desta volta, a un estracto do poema de Manuel María adicado aos viños galegos:
Viños galegos, lixeiros de beber,
fuxidíos e fleves como soños!
Non sentindes nos bocois
fondas saudades
da terra e da paisaxe
en que nacíchedes?
Dádeme a vosa compaña,
compañeiros.
Amigos indispensabeis na alegría.
Fidelísimos irmaus na soedade.
Navegan por vós as miñas coitas:
as cuncas nas que estais
son como naves.