O VIÑO VIAXA EN BARCA CON ANXO MOURE
Contos para público familiar con Anxo Moure
RaizameS mira á infancia como actor social en si mesmo, e procura o seu papel social activo. As nenas e nenos forman parte indiscutible da comunidade cultural e constrúen a súa identidade a través das experiencias de vida.
Porén, non podía faltar un espazo para achegarnos á cultura do viño, dende a mirada dos máis miúdos. E non podía faltar, o “anxo” máis acaído para converter esa mirada e aprendizaxe, en celebración, alegría explosiva e risa.
Anxo Moure chegou á Praza de Riazón remando unha barca de pousa, que viña cargada non só de contos, senon tamén de sabiduría humilde e moita sensibilidade. E a mañá do domingo explosionou entón coas historias do carrexo das uvas en barca polo Miño, cos contos de xacias e barqueiros, coa ilusión das preguntas e das ganas de saber máis e máis, cos paseos en batuxos e barcos de pousa ao longo e ancho de toda a praza, coa pracidez nas miradas das máis pequenas ao ver que non só elas, querían navegar.
Di Anxo, que non hai máis fermosura nin nada tan imprescindible como reivindicar un mundo diferente, diverso, con raiz e esperanzado cun feixe de nenos encima vendimando sorrisos nunha humilde barca da pousa.
Di RaizameS, que este I Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra, ten unhas raíces ben profundas, ben regadas e ben abonadas, coma as boas cepas das ribeiras, e que agroman os bacelos novos ben fortes e con ganas.