ENCONTRO: ESPAZO ADEGAS da D.O Ribeira Sacra

 ENCONTRO: ESPAZO ADEGAS da D.O Ribeira Sacra

Se detrás de cada viño se atopa un proceso de elaboración único que aporta unhas características especiais e diferenciadoras, detrás de cada adega agóchase unha historia de paixón e compromiso, unha concienzuda decisión de vida e unha mirada de futuro.

En RaizameS decidimos provocar entón, este ESPAZO ADEGAS, un encontro entre apaixonadas adegueiras e adegueiros que fixeron do viño, a súa forma de vida: un espazo para compartir reflexións e facer intercambio de experiencias, para narrar e presentar os proxectos propios entre iguais e por en común as inquedanzas sobre o sector.

Compartiron sofá e conversa, Antonio Roade, de Lagar do Vento (Chantada); Xiana Domínguez de Chao do Couso (Terras de Trives); Ana Gadín, de Atrium Vitis (Quiroga) e Miguel Pavón, de Instinto Romano (Taboada).

Guiou este pequeno escaparate da realidade vitícola da Ribeira Sacra, e tamén a cata posterior, Luis Díaz Álvarez, xornalista especializado en viños (La Voz de Galicia e no suplemento De Vinos).

Unha vez máis, puidemos desfrutar do acolledor espazo que nos brindou a Fundación Condado de Taboada, no Pazo de San Pedro de Bembibre, e da acolledora benvida do seu representante Ramón Vázquez.

Foi na mañá do domingo 11 de xuño, e baixo a mirada cómplice, atenta e participativa, dun nutrido grupo de interesados no mundo do viño.