ATMOSFERA VIÑO 1ª SESIÓN
Voces expertas, música e conversa a tempo detido.
RaizameS significou a multiactividade e o movemento, pero tamén se manifestou na calma e benestar que significa degustar os bos viños a tempo detido. Porén a Praza de Riazón, converteuse durante varias horas cada xornada, en espazo onde habitar a confluencia darredor do absoluto protagonista: o viño.
Esta atmosfera viño, reafirmouse cunha configuración do espazo que fixo da praza un gran salón de casa familiar, cun mobiliario amable que convidaba ao convivio; cunha ambientación musical delicada e elegante; e coa presenza de cercanas voces expertas contándonos a exquisita selección de viños que descubrimos a cegas.
Así, o sábado, mentras Sabela King & The Heartbreakers nos mergullaban con suavidade, nas sonoridades do blues, do country e o soul; agasallamos o padal e os sentidos, cos viños que nos decubriron Isabel Lozano e Marcos Eyre.
Isabel Lozano trasladounos ao mundo dos viños dos rosados e aos viños de Taboada, coa cata de tres viños na primeira categoría: un viño da variedade de caíño, outro de merenzao e un da mistura de brancellao e mencía; e con catro viños de catro parroquias distintas de Taboada: Xián, Castelo, Friamonde e Sobrecedo.
Marcos Eyre meteunos de cheo no mundo da variedade brancellao, e nas castes brancas minoritarias, a Dona Branca e a Branca Lexítima.