ESPAZO ATMÓSFERA VIÑO: 3ª SESIÓN
A Atmosfera Viño da mañá do domingo na Praza de Riazón tivo ese sabor característico dos momentos especiais, o sabor dos descubrimentos das primeiras veces. Ese sentimento de estar vivindo unha experiencia excepcional e irrepetible: a primeira edición de RaizameS, un soño de moitas, facéndose realidade.
RaizameS chegaba ao fin despois de tres días de encontros, faladoiros, intervencións artísticas, catas e degustacións, convivios; despois de tres xornadas intensas de profundo mergullo na cultura do viño da Ribeira, de interacción cos seus protagonistas directos.
Á explosión da alegría inocente das miúdas paseando a praza en barcas de pousa, sumouse a delicada selección de músicas de Sons do Gramófono, convertindo o espazo, no mellor dos escenarios para que as voces expertas de Martiño Santos e Xosé Gontá, ambos responsables de Vide Vide Espazo Enocultural, deran conta dos últimos viños presentes no Encontro.
Xosé Gontá presentou seis viños, facendo un percorrido pola colleita de 2015 cunha cata horizontal de tres viños tintos elaborados en concellos e variedades distintas. E levounos tamén ata Vilachá de Salvadur, catando tres viños de tres produtores diferentes e colleitas distintas desta parroquia da Pobra do Brollón.
Martiño Santos presentou tres das castes tintas minoritarias da Ribeira Sacra: O Sousón, a Garnacha e o Caíño tinto. E catou tamén tres castes brancas, que se colleitan na Ribeira Sacra: Godello, Treixadura e Alvariño, para coñecelas de forma individualizada e comparalas entre elas.
Sumáronse así, un total de 36 viños diferentes e especiais, que puideron degustarse ao longo das tres xornadas de RaizameS nesta Praza de Riazón, convertida en atmosfera viño.