Cata Guiada con Luis Díaz en ESPAZO ADEGAS da D.O Ribeira Sacra
O viño no centro. Luís Díaz, contaviños do Espazo Adegas.
Para dar sentido ás apaixonadas exposicións de cada un dos adegueiros e adegueiras participantes no Espazo Adegas, e despedir o panel de experiencias co mellor sabor de boca, Luís Díaz, voltou colocar o viño no centro, a través dunha cata dalgúns dos caldos referenciais das adegas presentes: Instinto Romano, Chao do Couso, Lagar do Vento, e Atrium Vitis.
Así, o xornalista, que ten sido membro do panel de cata do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, en numerosas edicións; contounos catro viños, da man dos seus propios creadores. Un discurso entretecido entre apreciacións técnicas e aportacións emocionais, entre castes de uva e anécdotas no proceso de elaboración ou embotellado, entre tipos de solos e maneiras de entender e facer o viño.
Catro viños e catro historias de vida, que son ao mesmo tempo, o relato e modelo de persoas fortemente comprometidas co rural, que recolleron o legado e aprendizaxe das anteriores xeracións e viven mimando e coidando un dos produtos estrela da zona, como son as uvas e as viñas da Ribeira, implicados en mellorar e promocionar o sector, a través do seu quefacer cotiá.
RaizameS é unha acción comprometida co territorio, que busca referentes de desenvolvemento activo. RaizameS é unha mirada viva, e de esperanza, que pensa na mocidade e nas súas oportunidades de futuro sen ter que migrar, nas súas posibilidades de desenvolvemento de novos proxectos no seu propio territorio, co valor engadido das iniciativas coa marca orixe; un paso decidido cara o arraigamento e en contra da Galicia das aldeas baleiras e envellecidas.