CATA CON PAULA FRAGA
Paula Fraga voltou colocar o viño no centro, e como broche de ouro ao encontro e faladoiro no que viña de participar xunto a Esther Teijeiro, Paloma R. Moure, Emilia Díaz e Ana Cabaleiro, guiou unha cata de viños con nome de muller.
Foi unha cata con relato, distendida e moi familiar, onde o discurso máis técnico e formativo se foi entretecendo coas propias apreciacións, sentires e aportacións das adegueiras e viticultoras presentes.
Así, de xeito natural, a conversa entre poñentes e público asistente, iniciada no faladoiro, foi trasladándose ata o interior da Casa da Cultura e fluíndo e enriquecéndose entre grolo e grolo de viño, misturando ópticas e perspectivas sobre un mesmo protagonista: o viño da Ribeira.
RaizameS é o pracer que provoca o desfrute dun viño compartido en comunidade.